Carta ao Presidente da Xunta (e 2 cancións)

Daniel Šuljić

<<Ninguén en Galicia demostra determinación suficiente para que esta Comunidade funcione dentro dos estándares que marca a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade. E iso é o que queremos e vimos demandando desde 2006.>>


Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia
Edificio Administrativo San Caetano
15704 Santiago de Compostela (A Coruña)

Ribeira, 21 de marzo de 2019

Sr. Presidente:

Fai vinte días escribín unha carta dirixida a Vostede. Explicáballe a experiencia que
vivimos algunhas persoas en Galicia e solicitaba a súa intervención ao fin de lograr un
arranxo satisfactorio para nós e quen puidesen compartir circunstancias semellantes.
Trátase de facer efectivos dereitos fundamentais que a maioría de cidadáns gozan e que
nós, a pesar de telos recoñecidos, non poderemos gozar sen a acción positiva do Estado.

Perdoe a miña insistencia, non me queda outra, xa que excepto un pequeno grupo de
persoas, quen levan con dignidade estoica o medido desdén que a Administración
Autonómica dispénsalles, ninguén en Galicia demostra determinación suficiente para
que esta Comunidade funcione dentro dos estándares que marca a Convención sobre os
dereitos das persoas con discapacidade. E iso é o que queremos e vimos demandando
desde 2006.

Por iso hoxe volvo pedirlle un exercicio de empatía e un esforzo para comprender
cabalmente nosa situación. Sinto unha sorte de necesidade e deber de tentar chamar a
súa atención sobre os nosos modos de existir e as causas pendentes con xente como eu.
Podería facelo póndome en coiros ás portas da Xunta, pero xa o corpo aconsella non
exporse ás friaxes e outros excesos.

E posto que é o Día Mundial da Poesía, pareceume oportuno aproveitalo para aparellar
unhas palabras, con perdón de quen saben de poesía, pra clarear dando conta dunha
forma de percibir, matizar e interpretar esa realidade que nos atravesa a algunhas
persoas e importa a outras moitas. Espero sirvan para enriquecer a súa propia
perspectiva sobre un problema de Galicia, o cal é moito máis fácil de resolver do que se
presume polos arredores.

Atentamente,
José Antonio Nóvoa Romay


CARA A
Problema galego
(rap a dúas voces)

No oasis da paz tolleita que é Galicia,
o principal problema é o cocido,
o lacón e os grelos.
Resultan tamén alarmantes os rumores
sobre unha posible folga
dos produtores de licor café.

Os tetrapléxicos asquean.
Podrézanse na cama!
(Non teremos lacón
este ano.)

As tetrapléxicas repugnan
nos despachos hostís.
(Non teremos licor
para o chupiño tampouco.)

Podrezan dependentes
na cama e no despacho.
(Só o Diaño sabe
se teremos grelos.)

Irmáns trabados
pola augusta indolencia.
(Esiximos respecto
pra xantar en paz.)

(Variación de “Problema sueco”, de Stig Dagerman.)

J.A.Nóvoa, 21/03/2019


CARA B
Nota marxinal
(canción de berce, ou non)


O vivir non é retórico.
Pide buscar liberdades,
desamarrarse de temores,
esfiañar e fiar unións.

Antonte,
un quería liberdade de morrer.
Dixo: axuda!
E ditaminaron non!

Daquela,
pasen días, e millo ao hórreo.
Acordaron nas altas maxistraturas.

Hoxe,
estoutros claman por vivir
coa santa liberdade.
Din: axuda!
E contestan tampouco!

Mentres,
quen teña mans, ten peixes.
Falan rexiamente os despachos.

Que queren de nós?
Devecen por cortes cheas
e gando manso pra muxir.
Se cadra!

Entrementres,
cativos valedores
asañan pola nosa liberdade,
e cantan nanas de Xudas.

O vivir non é retórico.
Faise no tempo, é presente.
Apela ao encontro,
quere soberanía e desexa o xogo,
é cousa dun, mais é causa xeral.

J.A.Nóvoa, 21/03/2019