Cuestionario sobre Vida Independente (Nós TV)

2019 09 04 Cuestionario VI Nós TV Truman show
The Truman Show

Venche como un ser defectuoso, e o obxectivo é “arranxarche” para lograr a “normalidade”. Esa lóxica envorca coa Convención: non hai que “arranxarche”, toca facer axustes ambientais e sociais para incluírche mellor na comunidade, na sociedade. Pasamos dun marco de vidas medicalizadas a un marco de dereitos onde os arranxos son sociais e comprenden a todas as persoas sen excepción.

Nós TV:

1) O dereito a vida independente está recollido pola ONU e é de obrigado cumplimento. Como explicariades que implica ese dereito?
2) Denunciades que a vosa prestación é insuficiente para ter esa vida independente. A administración pon como excusa os cartos. En concreto, que estades a reclamar e que gasto suporía para a administración?
3) A proposta de lei está redactada por vós mesmas. Por que agora e con este formato?
4) Estades dentro da lei de dependencia e reclamades ser tratadas como cidadás, sen asistencialismo nin sendo infantilizadas. A sociedade entende isto?
5) Sobre sexualidade. Por que é tan importante reivindicar o voso dereito a unha vida sexual activa e plena?
6) Credes que cando o consigades (o dereito a unha vida sexual activa) teredes conseguido todo o demais? (Polo tabú e o estigma que rodea a todo o relacionado co sexo, e máis en persoas con diversidade funcional)

J. ANTONIO NÓVOA:

1. Para gran parte da sociedade e as súas institucións, o modelo médico da discapacidade segue predominando na forma en que recoñecen e tratan a unha persoa con diversidade funcional, é dicir, ven unha persoa cuxa discapacidade é unha patoloxía que debe ser diagnosticada, intervida e na medida do posible remediada. Venche como un ser defectuoso, e o obxectivo é “arranxarche” para lograr a “normalidade”.
Esa lóxica envorca coa Convención: non hai que “arranxarche”, toca facer axustes ambientais e sociais para incluírche mellor na comunidade, na sociedade. Pasamos dun marco de vidas medicalizadas a un marco de dereitos onde os arranxos son sociais e comprenden a todas as persoas sen excepción.
Agora recoñécese que o dereito á vida independente baséase no principio fundamental de dereitos humanos no que todos os seres humanos nacen iguais en dignidade e en dereitos e todas as vidas teñen o mesmo valor. Queda claro que o respecto da dignidade inherente á persoa, a súa autonomía e a súa independencia e a participación e inclusión plenas e efectivas na sociedade, son a base do dereito a vivir de forma independente e a ser incluído na comunidade.
Somos suxeitos de dereitos e titulares de dereitos, iguais ás demais persoas. Por iso, reivindicamos exercer o control sobre a maneira en que queremos vivir, e para iso algunhas persoas precisamos o medio de apoio eficaz para realizar o pleno exercicio de todos os nosos dereitos: a asistencia persoal autoxestionada.

2. O dereito á vida independente é unha obrigación legal contraída polos estados que asinaron a Convención e debe facerse efectivo en diferentes contextos económicos, sociais, culturais e políticos. Galicia non está á marxe desa obrigación e ten competencias e recursos suficientes para facelo. Se a escusa fose o diñeiro, tal xustificación non sería sustentable dados os fondos públicos dedicados ao gasto en recursos que potencian a segregación e a dependencia, algo que é contrario á Convención. Toca aquí facer outro envorco: iniciar a transferencia de recursos financeiros destinados a segregación e fomento da dependencia encamiñándoos a favor da independencia, e pór en marcha un programa de transición cara a modelos e fórmulas orientados á vida independente e a inclusión efectiva.
Se falamos de asistencia persoal en Galicia, tendo en conta as cifras actuais de usuarios do sistema e o alegado argumento da Xunta dun 5% de usuarios insatisfeitos co que hai, poderiamos estar a falar de menos de vinte persoas que actualmente son potenciais usuarios dun plan de vida independente con asistencia persoal autoxestionada, algúns deles precisarán de moitas horas de apoio e outros de moi poucas, podendo tratarse dun investimento de media similar ou lixeiramente superior ao custo dunha praza de residencia nun centro de referencia, e sen ladrillos nin custos hostaleiros e de mantemento. De momento, e desde os anos oitenta, podemos asegurar que ningún país se arruinou por liberar dunha servidume tan grande a tan poucas persoas.

3. A necesidade é imperiosa, os recursos son limitados e xa levamos demasiados anos tratando de mellorar ou que de xeito evidente parece que non dá máis de si. O encaixe da asistencia persoal na chamada Lei de dependencia foi moi forzado, é un experimento falido e non funciona conforme aos estándares internacionais nin ás necesidades dos supostos beneficiarios. Por iso o mellor remedio é acollerse plenamente ao novo marco definido pola Convención e deseñar un sistema de apoios axustado á esta nova normalidade legal e coa medida humana dás nosas necesidades e dás respostas axeitadas ás nosas vidas elixidas. As experiencias exitosas e satisfactorias desenvolvidas no mundo van por ese camiño. A lei que propoñemos vai por ese camiño.

4. Como dicía, o modelo médico de discapacidade segue predominando e empapa a sociedade en todas as súas institucións. As persoas adaptamos a forma en que vemos o mundo a un relato dominante, e nese imaxinario construímos as nosas realidades. E así esa normalidade de seres defectuosos e especiais que merecen caridade e son inferiores transmítese nas familias, nas escolas, nos medios de comunicación e onde queira haxa un espazo de socialización. O costume fai leis escritas e non escritas, mais a Convención veu para cambiar os costumes de minusvalorar e segregar, para posibilitar que as persoas cuios corpos e mentes diversas os fan máis vulnerables das nosas comunidades vivan vidas da súa elección e sexan vistas sen as lentes de discriminar. Iso significa esta lei de vida independente que propoñemos.

ANXELA LÓPEZ:

5. É tan importante porque e unha necesidade humana básica, porque o ser humano componse de corpo e de mente , se ti non tes acceso ao teu propio corpo e polo tanto carece de intimidade, cómo te vas a valorar e a querer e pretender que outros desexen ese corpo que está sendo manipulado por outras persoas?, en que te convirtes, nun mera marioneta, non? Sen motivación , sen vida propia, e dignas de lástima e protección.

6. Evidentemente, o feito de conseguir que a sociedade nos vexa como seres sexuados, desexantes e desexados, suporía un grande avance de cara a cambiar esa mirada infantilizadora e protectora, sempre presente no día a día. Tamén para nos mesmos como persoas, o ter ese desexo satisfeito, vai a facer que a persoa se motive para conseguir ter un espacio propio e para decidir como quere vivir, repercutindo en definitiva nunha maior demanda de liberdade e empoderamento. Nembargantes, de aí a considerar que se tería todo acadado vai un grande treito.